Tuesday 14 de May de 2024

O concello apoia as reivindicacións da comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo para reforzar o profesorado do centro


Tamén se celebraron xuntanzas co equipo directivo e coa Anpa o Acevo.

O Concello mostrou hoxe o seu apoio ás reivindicacións da comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo e púxose a disposición tanto da dirección do centro como da Anpa O Acevo na procura do obxectivo de reforzar o cadro de profesores de cara ao curso escolar 2023-2024.

En primeiro lugar, o alcalde, José Manuel López Varela, e a concelleira de Educación, Patricia Bello, mantiveron unha reunión no Concello co equipo directivo do CEIP Otero Pedrayo na que se abordou a necesidade de incorporar tres mestres: un de audición e linguaxe (AL), un de pedagoxía terapéutica (PT) e un de infantil, neste último caso para titoría dunha aula e como reforzo do cadro de profesores para permitir aos membros do equipo directivo -formado na súa totalidade por mestres de infantil- dispoñer das horas de administración correspondentes.
Esas mesmas foron as reivindicacións que motivaron a manifestación convocada pola Anpa O Acevo que tivo lugar a mediodía na Praza do Concello, á que se sumaron os membros do grupo de goberno: o alcalde, José Manuel López Varela, e os edís José Ramón Martínez Barbeito, Patricia Bello, Rocío López e Pablo Cambón.

Por último, o alcalde e a concelleira de Educación mantiveron unha nova reunión, desta volta con representantes da dirección do centro e tamén da propia Anpa.
Desde o Concello trasladaranse estas demandas da comunidade educativa do CEIP Otero Pedrayo á Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades.